UN NOVO CURSO COMEZA

Un ano máis, dá comezo outro curso escolar no Colexio Compañía de María. Un ano novo sempre é un principio diferente, unha nova oportunidade para mellorar como persoa, como alumno, como pai ou como docente. Por iso, este ano a Institución prosegue coa iniciativa do Taller de Linguas promovido, unha vez máis, pola Asociación Solidaria para o Emprego e a Formación.

Este proxecto segue a continuar a proposta do ano pasado: achegar a lingua e a literatura aos nenos dun xeito ameno e divertido, no que aprender sexa un proceso case involuntario, un xogo. Os raparigos divertiranse coas verbas, tanto escritas, como lidas ou faladas; acollerán aos libros como os seus mellores amigos e comprenderán o inestimable valor que teñen as palabras. Así, deste modo, comezarán a adquirir novos hábitos de lectura e mellorarán visiblemente no resto das competencias educativas.

O mundo enteiro está composto de letras, dende a máis insignificante nota esquecida no interior dun antigo libro de matemáticas até o iluminador discurso de Martin Luther King no ano 1963. Por iso, dende o Colexio Compañía de María queremos fomentar a interacción da mocidade coa cultura, coa lectura e coa biblioteca, fogar das verbas.

Neste blog amosaranse as andainas dos nenos do colexio, as súas actividades, as ensinanzas sinaladas, os seus traballos... Así mesmo, incluiranse apartados especiais de suxerencias abertas para a biblioteca, nas que os pais, alumnos e os mesmos profesores poden amosar as súas opinións. A intención é continuar cun blog dinámico, lúdico, interactivo e educativo, axudando no crecemento intelectual do alumnado e do propio colexio: "Unha educación da vida para a vida".

 Benvidos a un novo curso!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O RECUNCHO PÍCARO

RECUNCHO PÍCARO: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO